1. Antes de reservar: a nota simple
Pida ao vendedor ou á inmobiliaria unha nota simple do Rexistro da Propiedade recente, ou solicítea vostede (custa uns poucos euros). Di quen é o dono, cantos metros constan, se hai hipotecas, embargos ou limitacións. Se algo non cadra co que lle contaron, é o momento de preguntar. A notaría pídea de novo, actualizada, o día da sinatura.
2. As arras
O contrato de arras reserva a vivenda: fixa o prezo, o prazo para asinar a escritura e o que ocorre se alguén se bota atrás. Con arras penitenciais, o comprador que desiste perde o entregado (normalmente o 10 %) e o vendedor que desiste devolve o dobre. Convén que antes de asinalas alguén as lea con calma; na notaría facémolo sen custo, e tamén se poden outorgar en escritura.
3. A hipoteca e a acta de transparencia
Se compra con hipoteca, o banco ten que entregarlle a documentación do préstamo con dez días de antelación, e vostede ten que pasar pola notaría que elixa, sen o banco e sen custo, para a acta de transparencia, como moi tarde o día anterior á sinatura. É a súa oportunidade de entender o préstamo antes de comprometerse. O banco non pode elixir a notaría: elíxea vostede.
4. A sinatura na notaría
O día da sinatura, a notaría xa comprobou a titularidade e as cargas no Rexistro, o certificado da comunidade de propietarios, o IBI, o certificado enerxético e se a vivenda está alugada. Lense e explícanse a compravenda e, se é o caso, a hipoteca; acredítase o pagamento do prezo (transferencia ou cheque bancario) e asínase. Ese mesmo día a notaría comunica a venda ao Rexistro para que ninguén poida inscribir nada por diante. Documentación completa en compravenda de inmobles.
5. Impostos e Rexistro
Despois da sinatura hai trinta días hábiles para liquidar os impostos. A notaría pode encargarse, ou unha xestoría, ou vostede mesmo.
Canto custa comprar na Coruña
| Concepto | Vivenda usada | Vivenda nova |
|---|---|---|
| Imposto principal | Transmisións Patrimoniais: 8 % do prezo en Galicia (tipos reducidos para menores de 36 anos, familias numerosas e persoas con discapacidade) | IVE 10 % máis Actos Xurídicos Documentados (1,5 %) |
| Notaría (compravenda) | Por arancel, segundo o prezo: entre 600 e 1.000 euros nunha vivenda habitual | |
| Rexistro da Propiedade | Por arancel: entre 400 e 700 euros aproximadamente | |
| Hipoteca | Notaría, Rexistro, xestoría e imposto págaos o banco. Vostede, a taxación (300 a 500 euros) | |
| Xestoría (opcional) | 200 a 400 euros | |
| Plusvalía municipal | Págaa o vendedor | |
Regra rápida: en vivenda de segunda man, reserve ao redor dun 10 % do prezo para impostos e gastos; en obra nova, algo máis.
Situacións habituais na cidade
- Pisos antigos do centro sen división horizontal actualizada ou con obras sen declarar. Resólvese cunha obra nova ou cunha rectificación previa. Convén detectalo na nota simple antes das arras.
- Vivenda herdada que os irmáns venden. Ten que estar a herdanza aceptada e inscrita. Se non, pódese preparar todo para asinar herdanza e compravenda o mesmo día.
- Baixo convertido en vivenda. Comprobe que o cambio de uso ten licenza e está inscrito; se non, o banco non o financiará como vivenda.
- Comprador que vive fóra. Pode asinar por poder, outorgado ante notario ou no consulado.
Información xeral revisada pola notaría. Cada caso ten os seus matices: consúlteo antes de decidir. A consulta previa non se cobra.
Para seguir
- Compravenda de vivenda na Coruña
- Hipotecas e acta de transparencia
- Documentación para a compravenda
- Canto custa un notario
Preguntas frecuentes
Quen paga a notaría nunha compravenda?
Por lei, o vendedor paga a escritura matriz e o comprador a primeira copia, pero na práctica case sempre se pacta que o comprador asuma toda a notaría, e así se fai constar na escritura.
Canto tarda desde as arras ata a sinatura?
O que se pacte nas arras, habitualmente dun a tres meses. Sen hipoteca e coa documentación completa, pódese asinar nunha semana.
Podo elixir a notaría se compro con hipoteca?
Si. A Lei 5/2019 reserva a elección de notario ao prestameiro. O banco ten que enviar a documentación á notaría que vostede indique.
Que pasa co IBI e a comunidade do ano da compra?
O IBI do ano págao quen era dono o 1 de xaneiro, aínda que se pode pactar ratealo na escritura. As cotas de comunidade pendentes respóndeas a vivenda ata certo límite, por iso se esixe o certificado de estar ao corrente.