Que é a veciñanza civil
En España conviven varios dereitos civís: o común do Código Civil e os de Galicia, Cataluña, Aragón, Navarra, Baleares e País Vasco. Cal se aplica a unha persoa decídeo a súa veciñanza civil, que non é o mesmo que o empadroamento nin que a residencia fiscal. É unha condición xurídica que se adquire por orixe ou por residencia e que se conserva aínda que un viva noutra parte.
Como se adquire a veciñanza galega
- Por nacemento, se os pais teñen veciñanza galega. Se teñen veciñanzas distintas, o fillo segue a do lugar de nacemento, salvo que os pais opten por outra.
- Por residencia de dous anos en Galicia, declarando ante o Rexistro Civil que se quere adquirir.
- Por residencia de dez anos en Galicia sen declarar o contrario. É o caso de case todo o que leva máis dunha década vivindo aquí.
Como se perde
Do mesmo xeito: vivindo dez anos seguidos nun territorio con outro dereito civil sen declarar ante o Rexistro Civil que se quere conservar a galega. Un coruñés que leva doce anos en Madrid sen facer esa declaración ten, por lei, veciñanza civil común. Un coruñés en Suíza ou na Arxentina, en cambio, conserva a galega: fóra de España non corre o prazo, porque non hai outra veciñanza civil española que adquirir.
Se vive noutra comunidade autónoma e quere conservar o dereito galego, a declaración de conservación no Rexistro Civil é un trámite sinxelo que convén facer antes de que pasen os dez anos. Pódese facer tamén ante notario mediante acta, que despois se inscribe.
Que permite o dereito galego
Con veciñanza civil galega, estea onde estea o patrimonio, a herdanza réxese pola Lei 2/2006:
- A lexítima dos fillos é unha cuarta parte, non dous terzos. Disponse libremente do resto.
- Os pais non son lexitimarios.
- Pódese outorgar testamento mancomunado co cónxuxe e pactar o usufruto universal de viuvez.
- Pódense facer apartacións e pactos de mellora cos fillos, coa fiscalidade das sucesións.
Todo iso na guía de dereito civil de Galicia.
Onde e como facer o testamento
Pode outorgarse en calquera notaría de España, ou ante o cónsul español no estranxeiro. O notario fai constar a veciñanza civil galega do testador, que se acredita pola declaración do propio interesado e, se fai falta, coa certificación do Rexistro Civil ou os datos de nacemento e residencia. É habitual aproveitar unha visita á Coruña para facelo aquí, nunha soa cita e co DNI.
Fiscalidade: non confundir coa residencia
A veciñanza civil decide que lei rexe a herdanza. A fiscalidade decídea a residencia: o Imposto de Sucesións págase na comunidade onde o falecido residiu máis días nos últimos cinco anos, coa súa normativa. Un galego que falece residindo en Madrid deixa unha herdanza que se reparte con regras galegas e tributa con regras madrileñas. E se residía no estranxeiro, aplícase a normativa estatal coa posibilidade de optar pola da comunidade onde estean os bens.
Información xeral revisada pola notaría. Cada caso ten os seus matices: consúlteo antes de decidir. A consulta previa non se cobra.
Para seguir
Preguntas frecuentes
Nacín na Coruña pero levo vinte anos en Madrid. Teño veciñanza galega?
Se non fixo declaración de conservación no Rexistro Civil, aos dez anos de residencia en Madrid adquiriu a veciñanza civil común. Pode recuperar a galega volvendo residir en Galicia dous anos e declarándoo, ou dez sen declarar.
Vivo en Suíza desde hai trinta anos. Sigo sendo galego a efectos civís?
Si. A residencia fóra de España non fai perder a veciñanza civil. Pode facer testamento coas regras galegas en calquera notaría de España ou no consulado.
Os meus fillos nacidos fóra de Galicia teñen veciñanza galega?
Se ambos os pais tiñan veciñanza galega ao nacer o fillo, si, aínda que nacese en Madrid ou en Bos Aires. Se os pais tiñan veciñanzas distintas, depende do lugar de nacemento e da opción dos pais.
Podo facer o testamento na Coruña aínda que viva fóra?
Si, en calquera notaría de España. Abonda co DNI e unha cita. Moitos fano aproveitando as vacacións.