A primeira semana
- Certificado médico de defunción e licenza de enterramento. Xestiónaos a funeraria. Garde varias copias do certificado de defunción do Rexistro Civil: pediranllo os bancos, as aseguradoras e a notaría.
- Seguro de decesos. Se o había, chame á aseguradora antes de contratar nada pola súa conta: adoita cubrir o enterro e ás veces inclúe xestoría para os trámites.
- Baixa na Seguridade Social e pensións. O falecemento comunícase ao INSS. Se deixa cónxuxe ou fillos menores, nese mesmo acto solicítase a pensión de viuvez ou de orfandade. Na Coruña, con cita previa na oficina da Seguridade Social.
Os primeiros quince días
Pasados quince días hábiles desde o falecemento pódense pedir dous certificados imprescindibles:
- Certificado de últimas vontades, do Rexistro Xeral de Actos de Última Vontade. Di se hai testamento e ante que notario se outorgou. Pídese por internet na sede do Ministerio de Xustiza, na Xerencia Territorial da Coruña, ou por medio da notaría.
- Certificado de contratos de seguros de cobertura de falecemento, que indica que seguros de vida tiña a persoa falecida. Moitas familias descobren aquí seguros vinculados a hipotecas ou a tarxetas que ninguén lembraba.
Co certificado de últimas vontades saberá se hai testamento. Se o hai, a notaría que o custodia expide unha copia autorizada aos herdeiros. Se non o hai, o seguinte paso é a declaración de herdeiros abintestato, que se tramita na notaría con dúas testemuñas.
O primeiro mes: reunir o inventario
Antes de ir á notaría convén ter claro que había. Co certificado de defunción e o título sucesorio (testamento ou declaración de herdeiros), os bancos emiten un certificado de posicións a data de falecemento: contas, depósitos, fondos, préstamos. Reúna ademais:
- Escrituras das vivendas, fincas e garaxes, e o último recibo do IBI de cada un.
- Permiso de circulación dos vehículos.
- Escrituras de participacións de sociedades, se as había.
- Débedas pendentes: hipotecas, préstamos, facturas.
- Os DNI de todos os herdeiros e, se algún vive fóra, un poder a favor de quen vaia asinar.
Os bancos non liberan o diñeiro ata que a herdanza está aceptada e o imposto liquidado, pero si adoitan autorizar o pagamento do enterro e dos impostos con cargo ás contas do falecido.
Antes de seis meses: a herdanza e o imposto
O Imposto de Sucesións preséntase ante a Xunta de Galicia (ATRIGA) nos seis meses seguintes ao falecemento. Pódese pedir unha prórroga doutros seis, pero hai que solicitala dentro dos cinco primeiros meses. A plusvalía municipal do Concello da Coruña ten o mesmo prazo por cada inmoble urbano.
A escritura de aceptación e adxudicación de herdanza asínase na notaría con todos os herdeiros, persoalmente ou por poder. Con ela liquídase o imposto, inscríbense as fincas no Rexistro da Propiedade e desbloquéanse as contas.
En Galicia, para cónxuxe, fillos, netos e pais, hai unha redución dun millón de euros por herdeiro, así que a inmensa maioría das herdanzas familiares non pagan Imposto de Sucesións. Aínda así hai que presentalo: sen a carta de pagamento ou a declaración de exención, nin o Rexistro inscribe nin o banco paga.
O que convén saber se o falecido era galego
Con veciñanza civil galega aplícase a Lei 2/2006: a lexítima dos fillos é dunha cuarta parte, os pais non son lexitimarios e o cónxuxe ten o usufruto dunha cuarta parte. Se o falecido fixo apartacións ou pactos de mellora en vida, hai que telos en conta ao facer a partición. Explicámolo na guía de dereito civil de Galicia.
Erros que vemos a miúdo
- Deixar pasar os seis meses sen pedir prórroga: a recarga chega aínda que a herdanza estivese exenta.
- Vender a casa "de palabra" a un irmán antes de adxudicar a herdanza. Non se pode vender o que aínda non está ao seu nome.
- Non pedir o certificado de seguros e perder unha indemnización.
- Renunciar a unha herdanza con débedas sen comprobar antes se compensaba aceptar a beneficio de inventario.
Información xeral revisada pola notaría. Cada caso ten os seus matices: consúlteo antes de decidir. A consulta previa non se cobra.
Para seguir
Preguntas frecuentes
Canto tempo hai para facer a herdanza?
Para aceptala non hai prazo. Para o Imposto de Sucesións e a plusvalía municipal, seis meses desde o falecemento, prorrogables outros seis se se pide antes do quinto mes.
Podo sacar diñeiro da conta do meu pai para pagar o enterro?
Os bancos adoitan autorizar o pagamento dos gastos do enterro e dos impostos da herdanza con cargo ás contas do falecido, contra factura. O resto queda bloqueado ata que a herdanza está aceptada.
Fai falta avogado para unha herdanza?
Non. A herdanza tramítase enteira na notaría: declaración de herdeiros se non hai testamento, escritura de aceptación, liquidación do imposto e inscrición. Un avogado é útil se hai conflito entre herdeiros.
Que pasa se un herdeiro vive no estranxeiro?
Pode outorgar un poder ante o cónsul español ou ante notario local con apostila, e outro herdeiro asina por el. Preparámoslle o texto do poder para que sirva á primeira.